Resumen Bloque 1 por Milagros Ferreiro



Tema 1: Marco de referencia da orientación laboral aberta.


O Sistema Nacional de Emprego.

É o conxunto de estruturas, medidas e accións necesarias para promover e desenvolver a política de emprego. Está integrado polo Servizo Público de Emprego Estatal e os Servizos Públicos de Emprego das comunidades autónomas.

Marco actual da política de emprego en España.

A política de emprego en España está formada por un conxunto de actuacións que toman os poderes públicos co obxectivo de alcanzar o pleno emprego ou, cando menos, corrixir os principais desequilibrios do mercado de traballo. As políticas de emprego poden ser:

  • Políticas activas: programas e medidas que teñen por obxecto mellorar as posibilidades de acceso ao emprego das persoas desempregadas ou de mellora no caso das persoas ocupadas.
  • Políticas pasivas: teñen como obxectivo principal a protección da persoa traballadora por causa da situación de necesidade que se produce cando esta pode e quere traballar pero non ten un posto de traballo, o que lle causa unha perda nos seus ingresos. 

A política de emprego en Europa

Na UE existe unha Estratexia Europea de Emprego que proporciona un marco -o Método Aberto de Coordinación, (MAC)- que permite aos países da UE compartir información e debater e coordinar as súas políticas de emprego. Deste xeito, os gobernos dos países membros e as institucións europeas elaboran, cada ano, unha serie de medidas de emprego no marco dunha estratexia común. 


Tema 2: O mercado laboral

O mercado de traballo e o desemprego

En calquera economía o mercado de traballo ven definido por: 
  • a oferta de traballo, é dicir, a poboación activa rexistrada pola EPA (Enquisa de Poboación Activa) e outros documentos estatísticos.
  • a demanda de traballo: cantidade de traballadores que as empresas ou empregadores están dispostas a contratar. 
A interacción entre oferta e demanda de traballo determina os salarios no mercado laboral aínda que este tamén estea directamente condicionado pola situación política, económica ou social. A situación na que a demanda de traballo é inferior á oferta produce desemprego.

As causas da aparición do desemprego explícanse segundo dúas teorías diferentes: 
  • A teoría clásica atribúe o desemprego ao feito de que o mercado de traballo é un mercado regulado cun prezo mínimo, o Salario Mínimo Interprofesional.
  • A teoría keynesiana sinala como causante á falta de demanda agregada, é dicir: que a demanda do produto obtido con ese traballo, non creza o suficiente como para facer aumentar a produción.
Con todo, o paro ten múltiples efectos: sobre as persoas paradas (efectos económicos e psicolóxicos), sobre as persoas ocupadas (que ven reducidos os seus ingresos) e sobre a economía no seu conxunto, pola perda de capacidade produtiva, a pobreza que xera e desigualdade que produce.

¿Cómo se estuda o mercado de traballo?

En primeiro lugar temos que distinguir no mercado de traballo entre persoas activas (estean ocupadas ou desocupadas) e persoas inactivas:

Mercado de traballo. Fonte: elaboración propia

Tendo claros estes datos, a situación do mercado laboral e a súa evolución analízase mediante ratios calculados entre as cifras destes colectivos.

Tamén se analiza a natureza do desemprego, diferenciando catro tipos diferentes, segundo se observa na seguinte gráfica:

Tipos de desemprego. Fonte: elaboración propia

Pero ademais o mercado de traballo é estudado por institucións públicas coma:
  1. O Observatorio Ocupacional del Servizo Público de Emprego Estatal, que analiza a situación e as tendencias do mercado de traballo
  2. O Observatorio Ocupacional do Servizo Público de Emprego de Galicia, que se utiliza no deseño das políticas de formación profesional en Galicia
  3.  O Observatorio Europeo do Emprego (OEE), que se ocupa de analizar a evolución previsible dos mercados de traballo.

O mercado de traballo actual

Nos últimos anos ten habido numerosos cambios no mercado laboral que causaron a desaparición dalgúns traballos, a aparición de ocupacións novas e mesmo de novos xacementos de emprego con ocupacións en alza que atenden necesidades sociais que non se atopan satisfeitas dabondo. Estes cambios teñen ocorrido especialmente no ámbito tecnolóxico e legal. Pode atopar toda a lexislación laboral nesta ligazón

No seguinte vídeo temos interesantes comentarios sobre a situación actual do mercado de traballo e as políticas de emprego:





Con todo, unha persoa traballadora debe ter presente como e onde traballar:


Posibilidades de traballo. Fonte: elaboración propia

Tema 3: Certificación e formación profesional

Cualificación fronte a competencia

Antes de abordar a cuestión da formación profesional debemos ter clara a diferenza entre cualificación e competencia profesionais. A Cualificación Profesional é o que fai que unha persoa no seu desempeño laboral, obteña os resultados esperados, cos recursos e o nivel de calidade debido, mentres que a Competencia Profesional é o conxunto de coñecementos e capacidades no seu ámbito persoal, profesional ou académico, que puideron ser adquiridos por diferentes vías e en todos os niveis (do básico ao máis alto) e que está conformado por competencias técnicas (específicas dunha cualificación e/ou transversais a outras) máis as competencias clave que permiten aos individuos adaptarse a unha contorna laboral cambiante.

O Sistema Nacional de Cualificacións

En España existe un organismo público, o Instituto Nacional das Cualificacións (INCUAL), chave no funcionamento do Sistema Nacional de Cualificacións e Formación Profesional (SNCFP). Este é un conxunto de instrumentos e accións necesarios para promover e desenvolver a oferta de formación profesional que se concreta no Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais (CNCP) e noutras accións:

Sistema Nacional de Cualificacións e Formación Profesional. Fonte: INCUAL

Ademáis é o INCUAL o encargado de definir, elaborar e manter actualizado o Catálogo Nacional das Cualificacións Profesionais e o Catálogo Modular de Formación Profesional.
Formas de obtención dunha cualificación profesional. Fonte: INCUAL


O SNCFP permite ás persoas que tiveran experiencia laboral, mediante a acreditación de competencias, obter unha titulación que recoñeza a súa cualificación profesional.

Cualificacións profesionais no contexto europeo

A pertenza de España á Unión Europea ten, entre outras consecuencias, a aplicación da normativa relativa ao Marco Europeo de Cualificacións para a aprendizaxe permanente (EQF nas súas siglas en inglés).
O EQF é un marco común de referencia que relaciona entre si os sistemas de cualificacións dos países e serve de mecanismo de conversión para mellorar a interpretación e comprensión das cualificacións de diferentes países e sistemas de Europa, a fin de fomentar a mobilidade dos cidadáns entre diversos países e facilitarlles o acceso á aprendizaxe permanente.

Instituto Galego das Cualificacións

O Instituto Galego das Cualificacións é a entidade dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que ten atribuídas as funcións relacionadas co recoñecemento e desenvolvemento das competencias profesionais, a formación profesional, etc.


Certificados de profesionalidade e formación para o emprego

Os certificados de profesionalidade acreditan con carácter oficial as competencias profesionais que capacitan para o desenvolvemento dunha actividade laboral. Pódense obter por dúas vías:

  • pola realización e superación de todos os módulos formativos que integran o certificado de profesionalidade. 
  • pola avaliación e acreditación das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación. 

A formación para a obtención dos certificados de profesionalidade, poderá impartirse de forma presencial, a distancia e teleformación ou mixta. Tamén en programas de formación en alternancia co emprego (Escolas Obradoiros, Casas de Oficios e Obradoiros de Emprego) e mediante contratos de formación.

Ademáis tamén se considera formación para o emprego os ciclos formativos da Formación Profesional Básica e Inicial.

Para saber máis:

Información do INCUAL sobre o Sistema Nacional de Cualificacións e Formación Profesional 

O Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, as familias profesionais, os niveis de cualificación e a cualificación profesional 

O Procedemento de Avaliación e Acreditación das Competencias Profesionais adquiridas a través da experiencia laboral ou de vías non formaisInformación sobre os certificados de profesionalidade e como obtelos 

Onde atopar todos os ciclos de FP agrupados por familias ou por niveis 


Marco europeo das cualificacións


Instituto Galego das Cualificacións 


Tema 4: política social e de emprego na Unión Europea

Dende hai anos, a Unión Europea ven desenvolvendo (a través de distintos organismos europeos) estratexias de crecemento en materia de emprego. Na actualidade, a estratexia Europa 2020 busca impulsar a creación de postos de traballo e dinamizar e equilibrar mellor os mercados laborais.

Os cidadáns da Unión Europea teñen, entre outros dereitos, o dereito de libre circulación dos traballadores, que inclúe o dereito de desprazamento e residencia do traballador, o dereito de entrada e residencia dos membros da familia e o dereito a traballar noutro Estado membro.

Estes dereitos van acompañados dalgunhas restricións, en especial no que se refire ao dereito de entrada e residencia e ao dereito de acceso a empregos na Administración pública. Ademais, nalgúns países aplícanse restricións aos cidadáns procedentes dos "novos" Estados membros.

No seguinte video (en inglés) temos algún exemplo práctico:










Comentarios

Entradas populares de este blog

Presentación profesional de Rubén Varela Piñeiro

Resumen Módulo 1 por Mª Mercedes Otero

Presentación profesional de Merce Otero